Monday 06 de May de 2024

A biblioteca municipal e a aula de informática do Concello de Frades estarán abertas ao público 29 horas á semana


 

A biblioteca abre cuns fondos de 4.500 libros, dos que 900 son de literatura infantil

O Concello de Frades informa de que a biblioteca municipal e a aula de informática, emprazadas no multiúsos de Cimadevila, abrirán desde este mes de maio un total de 29 horas semanais. Ambas instalacións estarán dispoñibles para a veciñanza de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 horas; así como de 17:00 a 20:00 horas, os martes e xoves. Os sábados tamén abrirán as súas portas de 10:00 a 13:00 horas.

A nova biblioteca municipal de Frades abre as súas portas cun fondo de 4.500 libros, dos que 900 son de literatura infantil. Un punto no que o Concello de Frades quere agradecer a colaboración ofrecida por veciños e veciñas do municipio, que cederon parte destes fondos, e informa de que xa está aberta a inscrición como socios/as de todas as persoas que queiran acceder ao servizo de empréstito de libros.

A día de hoxe, a biblioteca municipal de Frades xa conta con 100 socios e socias: as crianzas e adultos que asistiron o pasado Día do Libro ao espectáculo “Picadiscos Mari Faltri” que, ademais de desfrutar deste contacontos musicado e levar un libro de agasallo, aproveitaron tamén para asociarse á nova biblioteca e aula de informática.